O Básquet Coruña dedica a súa causa solidaria a AFACO

O Básquet Coruña dedicará este fin de semana o seu programa solidario '17 partidos, 17 causas' de Obra Social "a Caixa" a AFACO, a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias afíns da Coruña.

O acto terá lugar no intermedio entre o primeiro e o segundo cuarto do encontro deste sábado ás 20.00 horas ante o Iberostar Palma.

AFACO é unha organización sen ánimo de lucro que está dirixida a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas de Alzheimer, así como a das súas familias, mediante unha atención integral personalizada e de calidade.

A entidade ten tres centros terapéuticos na Coruña, onde mediante terapias non farmacolóxicas ofertan un servizo de tratamento, atención e coidado tanto para as persoas con enfermidade de Alzheimer, como ás súas familares. Contan ademais con programas para deterioración cognitiva leve en Oleiros, Betanzos e Culleredo.

AFACO imparte diferentes programas para cada unha das fases do Alzheimer, desde unha fase con deterioración cognitiva leve, ata unha fase severa. Cada vez hai máis grupos de atención temperá debido á gran demanda.

Os socios de AFACO teñen dereito a gozar dunha serie de servizos especificamente dirixidos a eles, así como a participar en actividades formativas e de lecer. Ofrecen, entre outros servizos de asesoría legal, asesoramento na xestión de axudas públicas e intervención psicolóxica.

Desde o Básquet Coruña queremos destacar o seu gran labor na axuda ás persoas que sofren Alzheimer e outro tipo de doenzas e ao asesoramento e apoio ás súas familias.