Dura derrota do Leyma Coruña ante o Iberojet Palma (76-79)

O Leyma Coruña sufriu unha dura derrota ante o Iberojet Palma (76-79) por como esta se produciu e despois dunha esixente semana con tres encontros, pero nada que reprochar á enerxía, sacrificio e forza do equipo.

Como nota negativa, ademais de que non puideron competir nin Zach Monaghan nin Quinton Stephens, baixas que se suman á de Larry Abia, lesionouse Carlos Martínez no segundo cuarto.

O primeiro acto empezaban os locais por diante, ben en transición, anotando canastras preto do aro, dominando ese primeiro período, aínda que os visitantes nos últimos minutos achegáronse, os laranxas terminaron mandando tras o primeiros dez minutos 23-22.

O segundo período seguiu coa mesma dinámica, co equipo laranxa sendo capaz de correr cando xogaba situacións curtas, logrando anotar preto do aro e tendo tiros liberados. O equipo sufriu bastante no rebote de ataque, aínda terminando por diante (44-40).

Os desaxustes no rebote corrixíronse tras o paso por vestiarios, pois os de Félix Alonso só colleron dous rebotes de ataque en toda a segunda parte, mellorando moito o equipo nesta faceta.

No inicio do terceiro cuarto empezaron a fallar as forzas, con poucos xogadores, tras perder no segundo cuarto a Carlos Martínez e non poder volver xogar. A súa baixa, unidas ás de Zach e Quinton, deixa a poucos efectivos dispoñibles e o equipo ten unha fochanca lóxica e normal. A pesar diso o equipo reponse e finaliza o terceiro acto só tres abaixo (57-60).

O último cuarto, de poder a poder a pesar de todos os hándicaps que tiña o Leyma Coruña, resólvese cun triplo de Fran Guerra, punteado por Jonathan Araujo, que entra. Ao Leyma Coruña queda un segundo, temos un fondo e Jonathan ten un triplo central con espazo, que non entra (76-79).

Unha derrota dura, por como se produce, xa que o equipo mereceu máis. O máis preocupante, as baixas producidas de face a seguintes contendas. O Leyma Coruña volverá xogar o sábado día 20 ás 18.15 ante o CB Prat.