Primer equipo | 01/12/2020 23:31
Derbi intenso

Non puido ser. O partido aprazado da terceira xornada finalmente tivo vitoria lucense. A loita dos xogadores coruñeses non tivo o premio merecido.
Empezaba o encontro favorecendo ao Leyma Coruña, que anotaba por medio de Justin Raffington un 2+1, tras unha mostra do nivel da intensidade que tería o duelo. Aos poucos os xogadores de Epifanio fóronse afianzando na cancha, pero os laranxas pelexaban en defensa para evitar desgustos. O primeiro cuarto finalizou 14-22.
A intensidade era a protagonista absoluta, o ambiente de derbi era palpable. No segundo cuarto o Leyma conseguía impor o seu xogo, e cada vez achegábase máis no marcador, chegando ao descanso a tan só catro puntos do seu rival (35-39).
Á volta dos vestiarios, o conxunto laranxa continuaba pelexando por igualar a anotación do seu opoñente, e conseguíao por mediación de Zach Monaghan tras un tiro libre. Pero pouco duroulle a alegría, xa que os lucenses volveron apertar marchas e finalizaron o cuarto 51-59.
A pesar da loita constante do Leyma Coruña por imporse no luminoso, hoxe non foi a súa tarde. O esforzo feito polos xogadores de Sergio García, é máis que evidente, e proba diso é o resultado final, 60-68. O carácter laranxa non se viu acertado de face ao aro e, aínda que dominou o rebote, non foi suficiente para vencer ao Leite Río Breogán.
Agora toca pensar no próximo partido, o domingo ás 18:00 horas fronte a Destino Palencia, unha oportunidade para resarcirse despois desta derrota.