Crónica Senior Feminino: Único equipo que gañou ás cullerdenses

O noso equipo senior feminino impúxose a Culleredo nun encontro vibrante no que ambos os equipos despregaron un bo xogo.

As coruñesas, único equipo que gañou ás cullerdenses na súa cancha, afrontaban o encontro tras perder ante Laracha e coa necesidade de buscar unha vitoria para recuperar as boas sensacións.

As xogadoras adestradas por David Castañón saíron moi mentalizadas para marcar o ritmo do partido e non favorecer as transicións rápidas, nas que as visitantes senten moi cómodas. As locais comezaron moi entoadas de face ao aro, pechando o primeiro cuarto cunha pequena vantaxe (20-12), apoiada sobre todo nun xogo coral, con poucos erros en labores defensivos e apenas concedendo segundas xogadas en ataque.

O segundo período Culleredo comezaba a poder correr e sentíndose moito máis cómodo que no ataque posicional, o que facía que as visitantes fosen capaces de recortar distancias e mesmo darlle a volta ao marcador. A defensa presionante tamén minguaba un pouco ao noso equipo, que se aproveitaba do traballo das súas xogadoras interiores para sumar na pintura. Chegábase ao descanso cun cuarto para cada escuadra e todo por decidir na segunda parte do choque (32-32).

Tras o paso por vestiarios, as laranxas combinaban defensa individual con zona, o que complicaba o ataque de Culleredo, que tiña moitas veces que recorrer ao tiro exterior e mesmo esgotaba en ocasións os 24 de posesión. Pola súa banda, as herculinas melloraban na saída de presión, e eran capaces de ganduxar boas xogadas chegando ao último acto cunha pequena vantaxe no luminoso (37-35).

Chegaban o dez minutos definitivos, cos dous equipos medorentos de cometer erros nos primeiros compases e arriscando pouco en ataque. As coruñesas expuñan unha defensa de caixa e un para parar a proxección ofensiva de Culleredo. A acumulación de faltas da súa base Marta Ramis e do seu interior Navarro era aproveitada polas nosas senior para tratar de buscar a quinta de ambas, o que minguaba a defensa visitante.

Os minutos pasaban, pero ningún equipo parecía capaz de irse no marcador e ambos os contendentes repartíanse os golpes, nun cuarto no que senllas escuadras se ían pronto a bonus. As herculinas conseguían unha lixeira vantaxe nos últimos minutos, pero unha serie de erros e perdas de balón deixaban o marcador nun puño nos instantes finais (59-59). Nuns últimos minutos de moitos nervios, Andrea Torrado, tras sufrir unha falta, anotaba desde a liña de persoal e puña ás laranxas por diante, con Culleredo con tempo aínda para atacar. Tras defender o primeiro evite das visitantes, estas aínda terían unha oportunidade máis sacando de fondo, pero esgotarían a súa posesión. As laranxas só tiñan que aguantar o balón para certificar así un traballado triunfo ante un moi esixente rival.

Con este resultado, as nosas mozas ocupan a terceira praza, con seis vitorias e tres derrotas, os mesmos números que Culleredo, ao que lle gañaron o basketaverage particular, o que lles pon, de momento, por diante na loita por acceder á segunda fase como terceiras de grupo. Lideran a táboa Xiria e Inmaculada, ambos os conxuntos cun balance de 7-2.

Básquet Coruña Leyma 60

Culleredo 59

Básquet Coruña Leyma: Laura Pérez, Laura Castiñeira, Jéssica Cortés, Andrea Torrado e Marta Pastoriza-cinco inicial- Iria Ares, Marta Fernández, Eva Sánchez, Zeltia Regueiro, Carolina Veiga e Aldara García.

Culleredo: Ramis, Domínguez, García, Navarro, Fernández-cinco inicial- López, Sánchez, Rodríguez e Costa.
Parciais: (20-12, 12-20, 15-13 e 13-14)