Continúan as sesións de tecnificación con Charlie Uzal e xogadores LEB Ouro

Desde o inicio do ano ata o mes de xuño, membros do corpo técnico e persoal do primeiro equipo do club fan oco nos seus compromisos da liga LEB Ouro para impartir as sesións de tecnificación programadas para os equipos da base do club nas categorías de infantil, cadete e junior. De febreiro a abril, once do quince equipos existentes xa participaron nesta actividade posta en marcha na pasada tempada.

Antes e despois do parón de Semana Santa, os conxuntos que se están beneficiando da experiencia dos deportistas profesionais do Leyma Coruña son o Básquet Coruña cadete masculino, Básquet Coruña 02 cadete masculino, Básquet Coruña infantil masculino e Básquet Coruña Preinfantil masculino.

O preparador axudante do equipo LEB Ouro Charlie Uzal dirixe todas as sesións e nelas conta co apoio dun ou dous xogadores do Leyma Coruña. Ata o momento participaron Sergio Olmos, Javi Lucas, Tuti Sabonis, Joan Creus, Kyle Rowley, Justin Johnson, Filip Djuran e Larry Abia, ademais dos propios adestradores habituais de cada equipo, e de aquí ao final de curso desfilarán o resto de xogadores.

En febreiro, as formacións participantes foron o Básquet Coruña junior masculino, Básquet Coruña 00 junior masculino e Básquet Coruña 00B junior masculino, mentres que no mes de marzo foi a quenda do catro equipos femininos destas categorías, é dicir, Básquet Coruña Leyma Junior feminino, Básquet Coruña Leyma cadete feminino, Básquet Coruña Leyma infantil feminino e Basquet Coruña Leyma 04 infantil feminino.

Entre maio e xuño está previsto celebrar esta actividade cos equipos pendentes, que son o Básquet Coruña 01 cadete masculino, Básquet Coruña 02B cadete masculino, Básquet Coruña 03B cadete masculino e Básquet Coruña 04B cadete masculino.

A experiencia dos profesionais ao servizo da cualificación técnica da base

As sesións de tecnificación con membros do equipo profesional do Club puxéronse en marcha a pasada tempada como ferramenta para mellorar a preparación técnica dos xogadores laranxas da base desde infantil a junior e desenvólvese no Polideportivo de Elviña 1 os xoves de 19:00 a 20:00 horas. Cada un dos equipos, repartidos en diversos grupos de adestramento, participan en tres sesións xeralmente en semanas consecutivas, segundo o calendario establecido ata o mes de xuño.

A actividade enmárcase na filosofía do Club Básquet Coruña de potenciar as relacións entre as diversas categorías da entidade, profesionais e base, fomentando as sinerxías como vía para mellorar a cualificación técnica de todos os xogadores e preparadores da familia laranxa, á vez que se fortalece o sentimento de pertenza e a identificación co proxecto do Club.