Aranzana pide controlar todos os aspectos do partido ante un sempre perigoso Barcelona Lassa

O Leyma Coruña aspira a pechar de forma matemática o seu acceso ao play-off impóndose mañá ás 18.00 horas ao Barcelona Lassa, un rival que pelexa por saír de posicións de descenso. Os laranxas, ademais. chegan a Barcelona coa meta de cortar a súa serie negativa, tras senllas derrotas ante Chocolates Trapa Palencia e ICL Manresa.

Gustavo Aranzana recoñece que o equipo acabou "moi amolado porque fixemos un bo traballo sen premio", en alusión á última derrota con ICL Manresa. "Fixemos entrenos de calidade e os xogadores están moi centrados e motivados, sabendo que estamos na recta final da liga regular e queremos canto antes matematicamente conseguir estar nos playoff". aseverou.

Tamén quixo lembrar durante a súa comparecencia os puntos fortes do filial azulgrana. "É un equipo que ten moitas variantes defensivas, calidade individual, con capacidade dun contra un e de anotar chegando. Un conxunto complicado de defender porque ten moito talento, con xogadores moi completos e polivalentes. Será importante que non nos domine nin no xogo nin no rebote nin no ritmo, para poder levalo a un partido pechado", declarou.

Lembrou que "vén de gañar por 20 puntos a Sammic Hostalaría, está a xogarse as posicións de abaixo e recupera xogadores lesionados ou que veñen de dinámica co primeiro equipo, polo que prevemos que xogará con todo o persoal e será un partido prioritario para nós, vital para eles, e realmente moi complicado", resolveu.