Abdou Thiam sofre unha lesión muscular

A Coruña, a 24 de febreiro de 2021. O Club Básquet Coruña SAD lamenta comunicar que Abdou Thiam sufriu unha nova lesión muscular. Durante un adestramento previo ao partido disputado en Palencia o pasado venres 12, o xogador volveu sentir molestias polo que por precaución decidiuse sometelo durante varios días ás probas indicadas polo noso servizo médico oficial, Hospital Quirón A Coruña con Carlos Lariño á fronte, e que finalmente permitiron diagnosticar unha nova lesión muscular.

A recuperación do xogador realizarase da forma máis conservadora posible, polo que causará baixa durante varias semanas e non se porá data ao seu regreso, ata que se atope 100% recuperado e readaptado. Desde o club mandámoslle moito ánimo a Abdou nesta aciaga tempada para el e estamos seguros de que volverá ás pistas moito máis forte.

Por outra banda o equipo atópase xa preparando o encontro que se disputará este sábado ás 19:00 horas en #OFornodeRiazor fronte ao Cáceres Patrimonio da Humanidade na penúltima xornada desta primeira fase da liga LEB OURO 20/21.