A nosa base gozará un fin de semana de intensa actividade competitiva

A base do club recibe o outono cun fin de semana repleto de competición. O sábado nosas alevíns participan no Torneo Autonómico Minibasket Memorial Paco Araújo, que terá lugar no pavillón de Navia en Vigo, desde as 9:30 ás 18:30 horas. Ademais dos laranxas, participan Porriño Baloncesto Basee, Salesianos Ourense, Marín Peixegalego, VB Villagarcía e Celta Zorka.

No caso das nosas xogadoras de infantil, a cita é o domingo en Riazor 2, onde se disputará o I Torneo Teresa Herrera de Baloncesto Infantil Feminino, organizado polo Club Maristas Coruña. Do seis duelos previstos ?o primeiro ás 11:00 e o último ás 17:30- cinco contarán con representación laranxa e os rivais a bater son Maristas Coruña e Grupo A Junquera CLB.

O sábado colaboramos tamén con Aspronaga na organización do III Torneo Inclusivo, que terá lugar nas instalacións da Escola de Tenis Marineda na Barcala, Cambre, e que ademais de baloncesto engloba outros deportes como o fútbol, slalom, atletismo, boccia, tag rugby e tenis. Desde o Club encargarémonos de dinamizar e atender a estación de baloncesto e as nosas xogadoras do equipo infantil feminino Básquet Coruña Leyma 04 participarán como deportistas.

A todo isto hai que sumar os outros sete partidos que a nosa base xogará este fin de semana, no que destaca o que disputará o equipo cadete masculino contra o CB Ría de Ribadeo en Riazor 2, o sábado ás 20:00 horas. Necesitamos unha vitoria para lograr o pase a cuartos da fase de ascenso e conseguir praza en 1ª división. Imos laranxas!