Victoria agónica do Básquet Coruña Leyma 00 ante Artai (64-65).

O conxunto de Diego Fernández logrou co triunfo o pase a final desta tarde ás 18 horas en Riazor. O Básquet Coruña Leyma 00 logrou un sufrido triunfo ante Artai, nun partido no que as laranxas dilapidaron a súa renda e terminaron vencendo e amornando os nervios nos instantes finais.

O conxunto adestrado por Diego Fernández comezou con intensidade o encontro, con transicións rápidas e ataques dinámicos. Apoiadas na proxección ofensiva de Ariadna nestes primeiros compases do duelo, o conxunto laranxa sorprendía de inicio ao seu rival, que pedía tempo morto mediado o primeiro cuarto (8-13) para tratar de frear as arremetidas coruñesas.

Saían as xogadoras de Joaquín Moreira mellor tras o receso e o seu paso adiante en tarefas tanto ofensivas como defensivas, unido a varios erros e perdas das laranxas, propiciaban o empate no luminoso (22-22). Eran bos minutos dun Artai liderado por Paula García. Unha canastra ao final do período de Inés Fernández facía que o Básquet Coruña finalizase o primeiro acto por diante (22-24).

O segundo cuarto comezaba como o primeiro, co conxunto laranxa envorcado en ataque. Sobre o parqué ata tres xogadoras infantís (Inés, Ana e Sofía) axudaban a que o equipo coruñés asinase un parcial de (2-8), provocando que non chegase a segunda canastra do equipo de Carballo ata o minuto 15. Os dous conxuntos intercambiábanse os golpes, pero íase por diante o equipo de Diego Fernández cunha pequena renda (33-39).

Tras o paso por vestiarios Artai optaba por unha defensa presionante, que obrigaba ao conxunto laranxa a traballar para subir o balón. Tras un inicio dubitativo, Básquet Coruña Leyma ía aos poucos superando a liña de presión e conseguindo algunhas canastras en transición. Pola súa banda. Artai seguía atopando boas opcións en ataque da man de Paula García (44-57).

Comezaba o cuarto definitivo cun parcial de 0-8 do conxunto de Joaquín Moreira (51-57). As carballesas continuaban mellorando en ataque e o baixón do Básquet Coruña en labores defensivos propiciaba que Artai lograse mesmo dar a volta ao marcador (59-60). Os nervios facían madeixa en ambos os conxuntos, e as imprecisións sucedíanse nos dous aros. Grazas a unha canastra de Miriam, a falta dun minuto a escuadra laranxa conseguía darlle a volta ao marcador (64-65).

Coas espadas en todo o alto, Artai gozaba de varias oportunidades para anotar, incluso un tiro de tres de Paula García, que se paseaba polo aro pero non chegaba a entrar. Finalmente, o conxunto de Diego Fernández, lograba a vitoria e medirase na final desta tarde ás 18.00h ao equipo gañador do duelo da segunda semifinal entre Universitario de Ferrol e Calasancias.

Cb Artai 64-Básquet Coruña Leyma 00? 65

CB Artai: Nuria Pouse, Emma Suárez, Sabela Teixeira, Sara Ninón, Paula García, Iria Liste, Sara Couto, Carla Teixeira, Cayetana Domínguez.

Básquet Coruña Leyma 00: Inés Ferreiro, Laura Criado, Paula Penedo, Miriam Noguerol, Laura Vázquez, Inés Fernández, Sara Carro, Ana Orosa, Sofía Figueroa, Ariadna Díaz.

Parciais: 22-24, 11-15, 11-18 e 20-8.

Incidencias: Primeira semifinal de Cópaa Primavera Cadete Feminina disputada en Riazor 2 ante medio centenar de espectadores.