Perico Díaz: ?pase o que pase mañá, no seguinte partido seremos os mesmos e esa é a nosa forza?

A pouco máis de vinte e catro horas para o pistoletazo de saída da primeira rolda dos playoff de ascenso á ACB, o adestrador do Leyma Básquet Coruña afronta con ilusión esta fase da liga, que considera un merecido premio ao traballo realizado ao longo da tempada.

Na súa valoración previa do primeiro choque de mañá ante o Café Candeas Breogán, Tito Díaz repasa os obxectivos cumpridos polos laranxas, desde evitar o descenso cando na oitava xornada estaban no fondo da táboa, ata clasificarse para os playoff a falta das dúas últimas xornadas e, no último partido, lograr o factor cancha e conservar o quinto posto da clasificación.

Na súa opinión, o Leyma Básquet Coruña puido chegar ata aquí a base de "crer no que faciamos, seguir igual e remontar", plantando cara aos malos momentos co traballo en equipo e con moita unión. Unha actitude que espera que os seus xogadores manteñan nos partidos que se aveciñan, nos que ao seu xuízo "é obrigatorio gozar" posto que disputar o ascenso á ACB xa é en si un premio a nivel deportivo e de club, máis aínda tendo en conta a mocidade dos xogadores laranxas, a súa escasa experiencia en fases de ascenso e a gran distancia en orzamento que media entre o club herculino e moitos compañeiros de viaxe da LEB Ouro, entre eles o rival desta primeira eliminatoria.

Tito Díaz sabe moi ben da dureza do partido de mañá ante un dos grandes, pero tamén avisa que "se xogamos igual que na liga, co noso estilo, frescura, alegría e concentración defensiva, entón imos ter opcións no playoff". E iso a propósito de que o Café Candelas Breogán ao que o conxunto coruñés venceu nos dous partidos da presente liga regular reforzouse notablemente nos últimos meses. Neste sentido, Tito Díaz remarca o punto de inflexión do equipo lucense desde a chegada de Jeff Xavier e Pep Ortega, que lles permitiu rectificar unha traxectoria irregular e tomar un camiño ascendente de face ao que "para eles é a hora da verdade".

Con maior motivo os de Tito Díaz deberán ser capaces de "ser nós mesmos en situación de máis tensión", superando as emocións e conservando o estilo de xogo. "Ás veces sairá ben ou mal pero sabemos levantarnos", asegura o técnico, engadindo que esta capacidade de reporse dálle un plus de tranquilidade como adestrador de face á nova fase.

"Non sei que pasará mañá", reflexiona, "pero si se que vai pasar no seguinte partido, gañemos ou perdamos, seremos os mesmos e esa é a nosa forza, imos seguir xuntos e traballando en equipo e gozando, gañámonolo".