Sergio García: ?Creo que estamos listos, cun nivel de motivación e ilusión moi alto?

Esta mañá tivo lugar a rolda de prensa de Sergio García, adestrador de Leyma Coruña, previa á xornada 19 da liga Leb Ouro que enfronta ao club coruñés e Delteco Gipuzkoa.

Sergio comezou a comparecencia comentando que ?a semana de adestramentos foi complicada, por bastantes dificultades a nivel físico de xogadores que son moi importantes para nós como o caso de Ashley, Augustas e Jeff, e bo, non foi todo o dinámica e fluída que nos gusta que sexa a semana en canto a adestramentos e o ritmo co que nos gusta adestrar, pero bo, son cousas que pasan e eu creo que as cousas importantes respecto ao partido que temos por diante puidémolas preparar. Creo que estamos listos, cun nivel de motivación e ilusión moi alto, porque bo, somos conscientes da dificultade do partido, pero iso ou o que tentamos transmitir aos xogadores é que, lonxe que nos supoña un problema, ten que ser un impulso máis para ser capaces de gañar a un dos equipos chamados ao ascenso á liga ACB?.

En referencia a como prevé que sexa o encontro, tras as dúas vitorias de Gipuzkoa na súa casa, o técnico indica ?dificultade máxima. Eu creo que Gipuzkoa e Valladolid están preto doutro grupo de equipos que estamos nós, pero xa conseguiron marcar unha pequena diferenza, son os dous equipos máis sólidos a día de hoxe na clasificación. Gipuzkoa fixo unha primeira volta moi boa, clasificación para o partido da Copa, e demostrando ser un equipo moi unido, ben cohesionado e traballado, que con partidos de moita dificultade, con marcadores adversos e que foron capaces de darlle a volta, meterse no partido, sacar vitorias remontando puntos en diferenzas importantes? entón bo, sabemos o que temos por diante, teñen xogadores dun nivel de talento moi alto (?) é un equipo moi compacto?.

Ao falar do partido disputado no Gasca na primeira volta, o adestrador do Leyma Coruña comenta que ?a nosa estrutura do persoal é claramente diferente á daquel momento. Non estaba Augustas, non estaba Perris nin Hamilton? son unha diferenza importante. Se que é verdade que quedamos satisfeitos en canto ao rendemento que demos naquel partido, fíxose longo o último cuarto, pero bo, fixemos un partido moi bo, temos que quedarnos con algún detalle que nos puido funcionar aquel día. Logo tamén, ser conscientes dos puntos fortes que nos demostraron eles aquel día para minimizalos, e bo, eu creo que o partido en liñas xerais pouco ou nada se parecerá a aquel?.

Por último, Sergio confía en que a afección se envorque con esta gran cita. ?Confío en que siga a ilusión que están a transmitir os xogadores á nosa afección. Fomos capaces de facer grandes partidos e gañar a equipos de moito potencial? pois agora con Gipuzkoa pasa algo parecido. Temos que ser capaces de ofrecer un nivel de esforzo e de traballo como aqueles días para que a afección estea orgullosa. E logo, se temos un nivel de acerto suficiente, seguro que podemos ser capaces de competir o partido. E temos tamén esa ilusión nós por parte de darlles unha nova alegría aos nosos afeccionados?.