O Leyma Básquet Coruña xoga mañá en casa tras unha intensa semana de partidos a domicilio. Farao contra o Club Melilla Baloncesto no día e hora habituais, é dicir, venres ás 21:00 horas, algo que o adestrador Tito Díaz espera que axude a atraer afeccionados ás bancadas do Palacio dos Deportes de Riazor.
O equipo vai necesitar o apoio da súa xente, agora que empeza a costa arriba do calendario, cunha segunda volta recentemente estreada en Palencia -os laranxas perderon por 5 puntos- e na que toca medirse de novo contra os máis fortes da competición, tal e como sucedeu na primeira volta.
Na súa análise do partido de mañá o técnico laranxa sinalou que os melillenses son nestes momentos o equipo en mellor estado de forma, con cinco vitorias consecutivas nos seus últimos choques, o penúltimo deles precisamente fronte ao líder, os Queixos Cerrato Palencia, ao que segue na táboa.
"É o equipo con maior talento ofensivo da liga", recalcou Tito Díaz, polo que o Leyma Básquet Coruña deberá realizar o seu mellor partido defensivo da tempada "e aínda así é posible que perdamos". Tamén quixo subliñar o bo traballo do conxunto herculino no últimos oito encontros -seis gañados-, que lle permitiu ser o o equipo máis valorado da liga no sete últimas xornadas, ademais de afastarse dos postos baixos da clasificación e de finalizar a primeira volta en postos de playoff.
Na súa opinión, se os seus continúan crendo en si mesmos e pondo todos os medios para desenvolver o seu propio xogo "poderemos levarnos polo menos a metade dos partidos" no que resta de tempada, tarden máis ou menos en chegar as vitorias en comparación coa ida.