Os laranxas ceden en Pamplona a pesar da remontada e o final igualado

Esta noite o Leyma Básquet Coruña rompeu a súa serie de vitorias consecutivas fora da casa e non puido sumar a sexta ante un Planasa Navarra que segue en progresión ascendente e coas miras en lograr unha permanencia que agora ten máis preto, tras gañar aos coruñeses por 79-76.

Na súa valoración posterior do encontro, o adestrador Tito Díaz recoñeceu a superioridade do equipo local, que grazas ao seu xogo serio e á boa defensa dominou case todo o encontro, mentres que ao Leyma Básquet Coruña custoulle entrar no partido, abusou do ataque estático e foi brando no rebote.

A pesar de que foron a remolque case todo o encontro, os coruñeses tentárono ata o último momento e chegaron a igualar o marcador tras acurtar unha vantaxe de trece puntos, pero o bo rebote de ataque e o acerto en triples dos locais na recta final inclinaron a vitoria do seu lado.

O técnico laranxa eloxiou o esforzo dos seus por non baixar os brazos en ningún momento e comparou esta actitude co que foi toda a tempada, de mal inicio en resultados pero cunha traballada remontada xornada a xornada, que permitiu ao Leyma Básquet Coruña estar xa clasificado para xogar o playoff de ascenso á ACB.

Tito Díaz quixo remarcar que, máis importante que o factor cancha -aínda posible aínda que algo máis complicado tras a derrota de hoxe- é que o equipo sexa fiel ao seu estilo rápido e aberto en toda a pista. Algo que hoxe tardou en deixarse ver: "o noso estilo é o que apareceu cando peor estabamos" no marcador e foi o que permitiu chegar a un final igualado, asegurou o técnico dos coruñeses, engadindo que lle preocupou máis a imaxe que o equipo ofreceu na primeira parte e inicio da segunda que o feito de lograr ou non o factor cancha para a primeira eliminatoria dos playoff.

Por iso insiste en non renunciar á esencia do xogo laranxa, co convencemento de que esa é a clave para seguir dando alegrías á afección e boas veladas de baloncesto. A seguinte porá o broche final á fase regular e será este venres 15 ás 21:00 horas en Riazor fronte ao Actel Força Lleida. Sen ningunha dúbida, os nosos volverán ensinar a súa mellor cara