Os laranxas caen en Pumarín ante un rival que gañou con autoridade

Gañar na pista do Pumarín segue sendo un reto pendente para os de Tito Díaz. Esta noite, o Leyma Coruña caeu derrotado ante a Unión Financeira Baloncesto Oviedo cun resultado final de 82-72. Os locais fixeron unha magnífica primeira parte coa que atesouraron unha renda de 21 puntos, suficiente para compensar a superioridade dos laranxas na segunda parte do choque e levar a súa sétima vitoria en casa, manténdose como o único equipo invicto na súa cancha.

Na roda posterior, Tito Díaz felicitou o bo partido dos asturianos e recoñeceu que se viron sorprendidos pola súa intensidade e enerxía, xa que desde o primeiro momento "saíron a morder" e taparon as liñas de pase dos laranxas, provocando 15 perdas na primeira parte. A isto sumouse o acerto dos locais especialmente na súa choiva de triplos.

Para o técnico do Leyma Coruña, a segunda parte foi laranxa, a base de empregar as mesmas armas do rival: "con enerxía en defensa, saíndo nos bloqueos, pelexando cada balón dividido, traballando no rebote e tratando de darlle ritmo ao partido". Entre outros aspectos, así lograron reducir as perdas de balón e encaixar menos canastras que o rival nos dous últimos cuartos, chegando a porse por baixo dos 10 puntos.

Lamentou que nese momento faltoulles "un pouquiño de sorte" para achegarse un pouco máis e desequilibrar as filas rivais, pero Tito Díaz leva á Coruña a satisfacción da reacción do equipo, aínda que tardía porque "o partido ía xa lonxe", e a boa actuación do mozo Pablo Ferreiro, que demostrou carácter e que xa é un máis entre os seus compañeiros, algúns deles tocados por diversas contusións durante os adestramentos e que hoxe non saltaron á pista, como é o caso de Zach Monaghan e Larry Abia.

Agora toca aprender da derrota e centrarse no novo reto, o inminente partido en Riazor, este martes festivo día 6, ás 12:30 da mañá, contra o Café Candeas Breogán. Xogamos en casa e tense que notar! #sentimentolaranxa