O Leyma despide a tempada no Palacio cunha vitoria (86-74)

O Leyma Coruña gañou en #OFornodeRiazor (86-74), nun encontro no que os xogadores de Aranzana comezaron con moita forza desde o principio e controlaron en cada un dos cuartos.

O Leyma foi o primeiro que anotou no partido e durante o primeiro cuarto, o Levitec Huesca e os locais mantiveron o pulso, pero os herculinos souberon levar a batuta de aquí en diante. O período inicial acabou cun 26-24 no luminoso.

No segundo cuarto rompeu definitivamente o partido con defensas alternativas. Un equipo compacto e sólido que non desaproveitou ningún instante para desmarcarse e chegar ao descanso cun 50-36 no marcador.

Tras o paso por vestiarios, o equipo laranxa seguiu mostrando a súa mellor versión, a pesar de non xogarse nada. O equipo executou ben en defensa, dirixiu ben o balón e realizou moitas asistencias. Mesmo, chegou a dobregar a un bo equipo visitante no rebote, capturando 42. O terceiro cuarto finalizaría con 16 puntos de vantaxe (71-55)

O acto definitivo, a pesar de que o Levitec Huesca reaccionou e chegou a ter un refacho anotador de 9-0 sobre os herculinos, non foi suficiente para romper a enerxía dos de Aranzana. O partido finalizou cun 86-74 no marcador e con moitas ganas da próxima tempada.

O último partido da campaña será o día 3 de maio en casa do Sáenz Horeca Araberri, ás 21.00 horas.