O Leyma Coruña súmase á AECC na prevención do cancro de colon

O conxunto laranxa dedica o seu encontro deste domingo en Riazor contra a Unión Financeira Oviedo á loita contra o cancro de colon, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro - AECC A Coruña. Por este motivo, no descanso do partido distribuiranse folletos informativos para concienciar sobre a conveniencia de realizar tests de feces como medida preventiva e/ou a súa detección temperá.

Co hashtag #mierdaenhuelga, a AECC está a desenvolver ao redor de mañá día 31 de marzo unha campaña a nivel nacional demandando que os servizos públicos sanitarios de todas as comunidades autónomas implanten este test que pode evitar que as persoas cheguen a desenvolver este tipo de cancro. Trátase dunha proba que actualmente só se aplica nalgunhas comunidades, entre elas Galicia, onde xa é posible informarse nos centros de saúde para a súa realización.

A AECC lembra que o cancro de colon é o máis frecuente en España, con 32.000 novos casos cada ano, e que se se detecta a tempo pódese curar no 90% dos casos.

O apoio do primeiro equipo a esta campaña da AECC enmárcase no programa"17 partidos, 17 causas" que o Club Básquet Coruña desenvolve ao longo da tempada co patrocinio da Obra Social "la Caixa".