O Leyma Coruña imponse ao Barça Lassa e regresa á senda da vitoria (58-49)

O Leyma Coruña logrou unha importante e traballada vitoria ante o Barça Lassa, nun encontro marcado polos refachos anotadores de ambos, e a boa defensa, sobre todo na primeira parte, dos locais.

O Leyma Coruña saía disposto a non especular na cancha e facíao lanzado, grazas á achega de xogadores como Sergi Piñeiro, Mirza Bulic ou un recentemente regresado Quinton Stephens (10-3). As diferenzas seguirían crecendo no luminoso ata a máxima vantaxe neste acto de 16, tras un triplo de Monaghan (21-5). Os de Diego Ocampo reaccionaban e cun parcial de 0-8 maquillaban o primeiro cuarto (21-13).

Os coruñeses atascábanse ao comezo o segundo período, mentres os azulgrana seguían sumando (21-17). Un triplo de Stephens rompía a seca e de novo uns moi activos Bulic e Piñeiro, ben asistidos por Pablo Ferreiro, conseguían ampliar as diferenzas no luminoso (39-25).

Tras o paso por vestiarios iniciaba o conxunto laranxa de novo con forza, controlando o ritmo do partido, mentres que o seu rival seguía cometendo imprecisións. A distancia do Leyma co seu opoñente seguía crecendo ata os 19 puntos (49-30).

Os coruñeses volvíanse a espesar en ataque, mentres que o Barça apoiábase en Diagne e Rawson (49-37). Seguían as malas noticias porque o Lassa reducía distancias, tras un parcial de 0-15 que deixaba a diferenza en catro (49-45).

Máis de cinco minutos sen anotar que obrigaban a unha reacción inmediata no acto definitivo. E esta chegaba da man de Piñeiro, Uchendu e Bulic, que volvían deixar as diferenzas en +10 (57-47). Poucos puntos máis se anotarían, nun cuarto sen apenas proxección ofensiva e que finalizaba con vitoria laranxa (58-49).