O Leyma Coruña quere facerse forte en casa apoiándose na súa afección

Semana intensa en Riazor. Tras a vitoria do apaixonante derbi vivido este martes contra o Café Candeas Breogán, o Leyma Coruña xoga o seu segundo partido consecutivo en casa mañá sábado ás 18:30 horas.

Esta vez o rival é o C. B. Prat, un equipo que, en palabras do adestrador laranxa Tito Díaz, "neste partido ten moito que gañar e pouco que perder", con todo o que isto supón de face a afrontar a contenda coa garda moi alta.

Aínda que o conxunto catalán chega á Coruña con tres derrotas consecutivas, Tito Díaz asegurou que o rival de mañá está a competir en todos os partidos e posúe un tipo de xogo moi dinámico, agresivo tanto en ataque como en defensa, deixando espazo para os seus xogadores e para o talento.

O núcleo duro confórmano a á-pivote Pep Ortega -fichado tras o seu paso polo Café Candeas Breogán na pasada tempada-, xunto co escolta Alex Ros, a base Xavi Forcada e o pivote Gerbert Martí, catro xogadores experimentados a cuxo lado destaca o mozo Xabi López, un alero de gran proxección, do que Tito Díaz destaca a súa tempada extraordinaria e o seu destino seguro na categoría superior do baloncesto español.

Con todas estas pezas e o talento das novas promesas da canteira da Penya, o partido contra o C.B. Prat obrigará ao Leyma Coruña a "ser fortes mentalmente para esquecernos dunha boa vitoria e dun bo partido do martes e para repetir esforzo, intensidade e sobre todo enerxía". O que significa aplicarse duro no nivel defensivo, no rebote de ataque e no balance de perdas e recuperacións.

Os obxectivos son claros: seguir acrecentando a afección ao baloncesto na Coruña e competindo en cada partido. "Se queremos seguir soñando e continuar arriba, debemos seguir a lume de biqueira", sobre todo nos encontros en casa, sinala Tito Díaz. E lembra: "un equipo tamén é a súa afección". Por iso, ademais do esforzo dos seus xogadores, pide outro tanto á marea laranxa, acudindo mañá a Riazor e xogando as súas mellores bazas desde a bancada. "A ver se entre todos conseguimos enlazar vitorias e facernos fortes en casa".