O Leyma Coruña aposta outro ano máis pola canteira

Se onte a noticia era a incorporación ao Club Leyma Básquet Coruña de Sergio Cubeiro como técnico do filial e responsable da dirección e coordinación da canteira, hoxe coñecemos os nomes dos adestradores do júnior Feminino e os dous júnior masculinos.

Adrián Seijas, estreará o seu título de Adestrador Superior recentemente obtido, coas mozas do júnior feminino. O ano pasado adestraba un junior masculino. Ademais, compatibilizará a dirección das mozas do 2000 e 2001 co senior feminino, o Básquet Coruña Leyma.

O júnior masculino estará dirixido esta campaña por outro adestrador superior, Alberto Vázquez. A tempada pasada dirixiu ao infantil masculino de 1ª división, conseguindo manter a categoría. Ademais clasificouse coas máis pequenas do club, o Básquet Coruña Leyma 07 premini, para a fase final de Liga FGB da Estrada. Alberto retoma de novo o contacto e a formación coa xeración de canteiráns do 2000 e 2001 coa que participou na 1ª División Cadete Masculina hai dúas tempadas, tras conseguir a clasificación na fase previa. O obxectivo, clasificarse de novo cun persoal reforzado para iso.

O 2º júnior masculino estará ás ordes de Roberto Rivera, adestrador superior desde 2001. O ferrolán conta cun extenso currículo como técnico en todas as categorías, chegando a participar en varias campañas co Club Baloncesto Galicia en Liga EBA. Na tempada 2007/2008 foi seleccionador galego Sub 20. A campaña pasada, os dous júnior masculinos estiveron dirixidos por el.

Quedan así conformados estes equipos baixo a dirección de tres adestradores superiores. A importancia da canteira como achega de xogadores e crecemento do club, así como a súa propia inquietude, fai que o noso persoal con máis de 25 técnicos estea cada vez máis preparada.