O LEYMA BÁSQUET CORUÑA COMEZARÁ XOGANDO CONTRA PALENCIA EN RIAZOR

O primeiro equipo do Leyma Básquet Coruña estreará a nova tempada deportiva o 2 de outubro xogando en casa contra o Palencia nunha liga composta agora por 16 equipos, de acordo cos cambios realizados pola Federación Española de Baloncesto, que incorporou ao Barcelona B e ao Burgos na LEB Ouro 2015/2016.

Segundo o novo calendario, a fase regular da competición constará de 30 xornadas  que concluirán o 15 de abril. Os partidos que o equipo herculino celebre en casa serán en principio os venres ás 20:45 horas, no Palacio dos Deportes de Riazor. Do mesmo xeito que sucedía no calendario inicial, o Leyma Básquet Coruña pechará a fase regular xogando en casa e, de acordo coa nova distribución, farao contra o Lleida.

O persoal do conxunto laranxa conformada para esta tempada xa iniciou os adestramentos a semana pasada baixo as ordes de Perico Díaz e promete ofrecer bo xogo e espectáculo, especialmente cando se mida aos galos da competición –Palma, Palencia, Melilla- e nos derbis co Breogán e o COB, no caso de que o equipo ourensán  non ascendese finalmente á ACB. Se se dá o ascenso, os equipos LEB Ouro contarían cunha xornada de descanso ou o Fuenlabrada ocuparía o lugar do COB.

Na primeira volta, as datas máis destacables para quen formamos parte do sentimento laranxa concéntranse no cinco primeiras xornadas, comezando polo enfrontamento en casa contra o Palencia, ao que seguirán dous partidos fóra de casa, contra o Melilla na segunda xornada e contra o COB na terceira. O venres seguinte -23 de outubro- e xa en Riazor, será a quenda do outro derbi, esta vez contra o Breogán.  Na xornada quinta o Leyma Básquet Coruña desprazarase a Palma de Mallorca para loitar contra o equipo local, outro dos equipos fortes da competición.  

A segunda volta arrincará por tanto con igual intensidade e os derbis galegos serían -a expensas do que suceda co equipo ourensán- o 15 de xaneiro contra o COB na Coruña   e o 22 de xaneiro contra o Breogán en Lugo.