O Club Deportivo Pai Faustino, na bancada do deporte coruñés

O Club Deportivo Pai Faustino, (Calasancias), é unha entidade deportiva con máis de 40 anos de historia e que conta con máis de 170 fichas federativas. Hoxe estará presente na bancada do deporte coruñés que en cada partido do Leyma Coruña como local alberga a un club da cidade herculina.

A tempada pasada conseguiu afianzarse como o club de voleibol base referencia de Galicia mantendo a súa presenza en todas as categorias galegas de Primeira División. No tocante a logros, ao finalizar a campaña pasada conquistou dous Campionatos galegos: o Senior masculino e o Infantil feminino ademais de tres subcampeonatos en Cadete masculino, Infantil masculino e Alevín feminino. 

A nivel nacional o Infantil feminino finalizou en novena posición na Copa de España e na sexta praza no Campionato de España. Á súa vez o Infantil masculino situouse entre os 10 primeiros do país. 

A aposta do club polo traballo de canteira queda patente nas convocatorias da selección galega con 11 representantes entre Cadetes e Infantís para o Campionato de España de seleccións e a convocatoria de dúas das súas xogadoras coa selección española este pasado verán para disputar o Europeo. Ademais, actualmente o club ten a un xogador Cadete concentrado coa selección española en Soria formando parte do grupo dos 24 mellores xogadores de España en categorías Xuvenil/Cadete. 

Actualmente é líder invicto en tres do oito categorías galegas, e participará na Copa de España con cinco equipos en Guadalaxara o próximo mes de decembro. Como colofon a esta extraordinaria tempada o club aparece na clasificación de mellores canteiras nacionais situándose como a mellor canteira galega. 

Desde o Básquet Coruña queremos dar visibilidade ao labor deportivo do Club Deportivo Pai Faustino e desexarlle que prosigan os éxitos no futuro.