Crónica do partido de volta de semifinais de copa do junior feminino: O milagre cara á final

Non era un sábado calquera e iso notábase desde días antes. Era o sábado de remontar eses 6 puntos que nos levarían ata a final. Desde o quecemento xa se nos vía concentradas e ilusionadas nesa remontada, como anteriormente fixemos en cuartos de final contra Betanzos, ás que lles tivemos que remontar tres puntos no partido de volta, onde conseguimos a vitoria por 65-37.

Balón ao aire e empeza a volta de semifinais, saímos moi acertadas en ataque, aproveitando moi ben os fallos do equipo rival, moi intensas en defensa e correndo ao contraataque, o que nos fixo levarnos o primeiro cuarto cun parcial de 8-17.

Sabiamos que tiñamos que estar en todo momento dentro do partido e concentradas pero tamén sabiamos que poderiamos ter momentos malos, e así foi, empezamos o segundo cuarto confiadas, pensando que xa estaba conseguida a remontada. sen acerto en ataque, e sen xerar desde o 1x1 vantaxes non fomos capaces de anotar no segundo cuarto ante a defensa zonal de Trebons, o que lles serviu para levar o parcial cun 9-0.

Descanso, 17-17 e algunhas que outras caras longas polo mal segundo cuarto que fixemos, sabiamos que o pase á final non ía ser nada fácil pero mantiñamos a ilusión e as ganas de conseguilo.

Chegaba a hora do terceiro cuarto, saímos os dous equipos en zona, apenas había espazos e iso supuxo que ningún dos dous equipos soubésemos buscar opcións claras e que todo fosen tiros exteriores con escaso acerto. O banco como desde o minuto 1 segue deixándose a garganta de tanto animar ás súas compañeiras da pista para que en ningún momento veñan abaixo, non xogabamos 5, xogabamos 12.

 Transcorría a metade do cuarto e o rival adiantábase no marcador ao que nós soubemos responder rapidamente cunha defensa máis intensa, roubándolles varios balóns no medio campo e tendo máis acerto cara o aro, o que fixo que nos levásemos o parcial cun 9-15.

Soa a bucina e? Último cuarto! Nervios a flor de pel, un 26-32 no marcador e todo por decidir. Saímos de novo sen sorte cara o aro, con tiros moi precipitados e esgotando varias veces a posesión sen saber como atopar solucións a esa zona do rival pero seguiamos no partido grazas a nosa defensa que facía que as rivais non conseguisen anotar facilmente. Tramo final do partido, os nervios notábanse cada vez máis e fixéronnolo pagar en varias perdas que tivemos en ataque que as rivais non dubidaron en aproveitar.

Tempo morto, quedaban 7:80 segundos para o final e 33-35, os dous equipos en bonus, facíannos falta 5 puntos máis para clasificarnos. Era practicamente imposible, xa o dabamos por perdido e algunha que outra bágoa empezaba a saír dos ollos. Bucina e a pista, o partido aínda non se terminou. Sacamos de banda en campo ofensivo, dámosnos/dámonos un par de pases, os segundos pasaban, balón a Sofía que tirou de 3 con moita valentía, os nosos corazóns paráronse por un momento, seguimos coa mirada a traxectoria do balón que acabou entrando, á mesma vez ouviuse un chifre de fondo que pitou falta, 3+1. Todas, sen dar crédito, tolearon e foron abrazala mentres que lle pitaron unha técnica a unha xogadora rival.

Era a quenda de tirar os tiros libres, que importantes son os tiros libres!, converteuse o tiro libre da falta, o que empataba a eliminatoria. Agora tocaba o tiro da técnica, que converteu Cris sen problema, sacabamos de banda e inmediatamente fixéronnos falta que nos levaba á liña de tiros libres, dos cales convertemos 1 de 2. Saca Trebóns a falta de 30 décimas, pasan, tiran e piii? FINAL DO PARTIDO! 33-41.

Todas as da pista correron a celebralo xunto ás do banco, xuntas puxémonos a saltar da alegría e aínda sen crernos o que sucedera estabamos na final. E isto é un claro exemplo de que no baloncesto nunca te podes dar por vencido. Parabén a todas, máis que merecido!

A final disputarase mañá sábado ás 20.00h contra Artai en Riazor2.