"De cando en vez a alegría tira piedritas contra a miña xanela quere avisarme que está aí esperando pero sinto calmo case diría ecuánime vou gardar a angustia nun agocho e logo a tenderme cara ao teito que é unha posición gallarda e cómoda
para filtrar noticias e crelas?" (Mario Benedetti, "Piedritas na xanela")
Soñar é gratis. Ninguén parece crerche durante a semana pero chega o partido e misteriosamente míranche as caritas mortas de frío, esperando, desexando que obres algún tipo de maxia estraña que as faga voar, que faga que todo nos entre e que converta as ras en dragóns. En príncipes non, hoxe non nos fan falta.
Saímos a matar, non queda outra. O rival estase desperezando e aproveitamos o momento. Boas defensas e o frío que aínda atenaza a bancada e as gargantas (10-3). Continúa o tirón pero Xiria entóase, agora xa son as que lembrabamos na faceta anotadora. Cústanos un mundo conter as penetracións e concedemos demasiadas oportunidades debaixo do aro. Péchase o segundo parcial (12-14), 5 puntiños de renda que se nos antollan un nada para afrontar a segunda parte.
Saltamos á pista con escaso acerto, aínda que con algún 2+1 ilusionante que nos devolve a intres o sorriso. Empezan a pesar as faltas e gardamos a roupa para o último cuarto. (10-14) e un só punto arriba, non está mal ante un equipo que na ida mandou todo o partido de máis e 10 puntos.
No último botamos toda a carne ao asador pero vánsenos indo, despacito, sen facer ruído. Non hai algo concreto que provoque esta distancia que se agranda. Simplemente as decisións ofensivas son incorrectas e cando eliximos ben o tiro, non entra. Pechamos o último cuarto (2-12), un tanto desanimadas pola diferenza e co desexo de non baixar da nube a a que nos subimos. Por un momento crémonos xigantes. É o que ten non ter un espello a man?
BASQUET CORUÑA LEYMA Ou-16 (10+12+10+2) 34: Sofía Martínez, Sofía Cernadas, Iria Candal, Carla Castro, Adela Villar, Lilly García, Esther Veiga, Mayte Villca, Branca, Verónica Payo e Lucía Sande.
Adestradoras: Edda Beltrán, Laura Pozo, Olalla Luaces.
BASQUET XIRIA (03+14+14+12) 43: Casais, Castiñeiras, Agrelo, García, Pallas, Cotelo, Martínez, Camiño, Veo, Oliveira, Varela e Antelo.
Adestrador: Iván Latasa.