Aranzana apela ao autocontrol no terceiro partido de playoff ante o ICL Manresa

Gustavo Aranzana pide ao Leyma Coruña tranquilidade e autocontrol de face ao terceiro partido que lle medirá mañá venres ás 21.00 horas ao ICL Manresa, que chega ao Palacio dos Deportes de Riazor coa eliminatoria aberta (1-1).

"O equipo está con moitísimas ganas, con ambición e á vez toda a precaución que esixe xogar un partido tan esixente como o de Manresa. Vémolo desde a tranquilidade e o bo facer destes días estamos seguros do que podemos lograr e se mantemos a folla de ruta e facemos un bo partido teremos opcións de gañar o partido", asevera o técnico.

A pesar de estar 1-1 afronta o que queda desta eliminatoria con "optimismo moderado, porque o 1-1 é importante, pero o partido non vai ser máis sinxelo, cada partido é moito máis complicado e iso falámolo". "Hai que estar moi tranquilos, a calma, a concentración, a recuperación mental... Os partidos vanse a decidir por cantidade de detalles e temos que manexar o aspecto anímico, a xestión das emocións... Teremos o público ao noso favor, haberá moita máis xente que outros días, seguro, con máis ruído e iso tamén teremos que tentar dominalo", apostila.

Sobre o rival, admite que Manresa "é un equipo feito para ascender, quedou terceiro na liga regular, pero o seguinte paso é conseguir o ascenso. Pelexou por ser campión e subir, pero Breogán foi mellor e quédalle a outra bala. Nós non temos esa presión de ascender, temos a ilusión e ambición, motivación e enerxía para facer as cousas ben e tentar chegar o máis lonxe posible", declarou.

Sobre a competición indicou que "estamos oito equipos nunha pelexa e facer de futurólogo non sei, non se quen vai subir". Cre que terán que tentar no partido gañar na batalla dos rebotes e evitar que o equipo de Diego Ocampo corra porque "é un rival que che esnaquiza e fainos sufrir".

"Preocúpame máis que Manresa o meu equipo, no aspecto mental e positivo, que non nos vaiamos do partido e que xestionemos as emocións, boas e malas. O público vainos a axudar seguro nos momentos malos e difíciles e necesito ter a 12 xogadores preparados, que os temos, pero dispostos a axudar: un minuto, dous minutos ou 38, o que faga falta", resolveu o técnico valisoletano.